
Mail do meu xefe ás nove da mañán. Juanillo, o seu fillo, cada día que pasa está peor e a súa última visita a Madrid foi completamente desesperanzadora...
Para os/as que o descoñecedes, Juanillo ten unha desas enfermidades raras diagnosticadas a un mísero 0,1% da poboación mundial (ou menos...) e a súa esperanza de vida situáronna, ao nacer, nos oito anos. Acaba de cumprir sete...
A única solución posíbel, un irmán sano que poida trasplantarlle parte da súa médula (tras inseminacións e inseminacións nada de nada), porque no Banco Mundial de Donantes non aparece ningún compatíbel. Do irmán sano, os médicos dixéronlles esta vez que xa non chegaría a tempo, que xa é tarde... de atopar un/ha donante tras estes anos de busca quitáronlles a esperanza e ilusión...e toda esta historia é unha merda, é inxusta, é descorazonadora, é... non hai palabras...
Por que non sucede como nas películas nas que, tras pasalo mal durante hora e media, da nada, xurde o final feliz?...
Juan non quere que falemos con el do tema, non quere que lle preguntemos, que nos preocupemos... pide axuda sen percatarse no mail pero non hai maneira de axudalos, ou polo menos ningún de nosoutros/as a atopamos.
A semana que vén viaxan de volta a Madrid e terán que tomar unha decisión, quizáis unha drástica decisión...
FOTO: Richard Avedon.












